Ola de novo!
Escribo esta entrada para reflexionar sobre os contidos que traballamos do tema 6: as programacións didácticas vixentes. Aínda que únicamente empregamos unha sesión e media para revisar os contidos, penso que é un dos temas máis interesantes e útiles como futuros docentes, xa que para entrar no sistema hai que saber primeiro como funciona.
Na sesión do 3 de decembro de 2020 comezamos a explicación sobre os contidos das programacións didácticas. A maior parte das preguntas resolvéronse no chat grupal do campus remoto, que por certo me parece unha ferramenta extremadamente útil para recapitular; todo o mundo poder reflexionar sobre as preguntas e escoitar as respostas e volver sobre elas se é preciso. Por outra banda, revisamos os contidos que se piden para as programacións dentro do proceso selectivo (concurso-oposición) de acceso ao corpo de profesores de ensino secundario e ensinanzas de idiomas de réxime especial. Se ben as probas varían un pouco segundo a categoría á que queiramos acceder, seguen a ser procedementos cun nivel de exixencia moi alto.
Para entender aínda mellor o que hai e o que non hai que facer (ou o que non se debería plantexar así), analizamos unha programación didáctica por grupos. Esta tarefa rematámola o 10 de decembro e presentámola ante o restos de compañeiros/as. No caso do meu grupo (1), analizamos a programación didáctica para a materia de inglés como primeira lingua estranxeira en segundo de bacharelato do centro IES As Barxas de Moaña. O certo é que esta actividade foi de moita axuda de cara a ver de forma clara e con exemplos reais o que significa redactar a programación. Unha cousa que me gustaría sinalar é que cando estamos no instituto, normalmente non somos conscientes de que podemos consultar as programacións para ter unha mellor referencia do que hai que aprender. Considero que aínda que estes plantexamentos son públicos, non se explica demasiado o que se pode facer con eles ou cal pode ser a utilidade para o alumnado.
Imaxe orixinal atopada aquí
Déixovos aquí a nosa presentación para que vos fagades unha idea do que traballamos e algúns recursos de interese para o tema:
Programación didáctica que analizamos (Inglés 2º Bach, IES As Barxas)
Saudiña!
Katrin B.
Ola Katrin!
ResponderEliminarMoitas grazas pola túa entrada! estou moi de acordo contigo no que respecta aos beneficios do chat do campus remoto. Tenme pasado decenas de veces de perder a conexión e ter que volver conectarme no medio da clase e grazas ao chat sempre logrei non perder de todo o fío. Os milagres da tecnoloxía ben empregada!
Non vou comentar nada do traballo sobre a programación porque neste caso tocounos formar equipo ;) Só quería dicir que me parece que fas unha reflexión moi acertada no que respecta ao descoñecemento xeral de pais e alumnado sobre a posibilidade de consulta das programacións didácticas do centro. A min pasoume xusto o que comentas, eu non tiña nin idea de que se podían consultar e que estaban dispoñibles para nós, tampouco sei se de adolescente lles faría moito caso, pero coido que sería interesante motivar aos alumnos a que lle botasen polo menos unha ollada, ao fin e ao cabo, se o que queremos é situalos no centro da ensinanza, paréceme que non hai mellor maneira de involucralos na súa propia aprendizaxe. Seméllame tamén que hoxe en día xa é máis común que os pais consulten as programacións nas webs dos centros, pero a verdade é que na miña época coma estudante de secundaria nin meus pais sabían que se podía facer isto nin as programacións estaban dispoñibles na web (a do meu centro era aínda un pouco rudimentaria). É bo saber que as cousas están a mudar e cada vez nos interesamos máis e nos facemos máis partícipes do proceso ensinanza-aprendizaxe e da vida e organización dos centros.
Unha aperta!
Ola!
EliminarMoitas grazas a ti por este súper comentario. É unha mágoa toda a desinformación que hai, pero con sorte seremos capaces de cambialo... polo menos un mínimo. Penso que lles pode axudar a velo todo máis claro (ao saber o que teñen que facer, vaia).
Outra aperta de volta!
Ola, Katrin!
ResponderEliminarMoi interesante a entrada :) Polo que vexo, tanto no grupo 1 como no grupo 2 coincidimos maioritariamente en que estamos ante unha actividade interesante e que nos demostrou a todos que as programacións didácticas non parecen tomarse coa seriedade que deberían. É como que a maioría delas van cumplindo co xusto, disimulando un pouco a falta de empeño que hai ó facelas (ou é a sensación que dá, cando menos). Parece que a esixencia que hai nas oposicións logo queda un pouco de lado.
Apúntome tamén ao que comentades tanto ti como Uxía: ata hai ben pouco, nin idea de que se podían consultar! Pregúntome tamén ata que punto era habitual que, na etapa que estabamos no instituto (no meu caso do 2004 ata o 2010), estivesen colgadas nas webs dos centros. En todo caso, tanto para isto como para outros documentos e cuestións, eu sempre tiven a sensación de que os centros son máis ben opacos e que ofrecen pouca información, desactualizada e mal organizada. É necesario facer partícipe a toda a toda a comunidade educativa e darlle a coñecer as programacións, para que estén informados (e para evitar logo conflitos innecesarios).
Vémonos!
Ola!
EliminarGraciñas polas túas palabras, Diego. Penso coma ti, que despois das oposicións hai cousas que van quedando atrás e non se lles fai demasiado caso.
Agardo que sexamos capaces no futuro de clarificar un pouquiño para que nos serve ter as programacións á man, tanto a nós como alumnado, familias, etc.
Saudiña! ☺
Ola Katrin!
ResponderEliminarMoi boa a túa entrada! Concordo contigo e co resto de compañeiros en que este tema foi especialmente moi útil de cara ó noso futuro laboral. Creo que fixeches unha reflexión moi importante ó mencionar que non existe demasiada información para o alumnado con respecto a aqueles documentos de acceso público que pode consultar. Se cadra agora existe unha maior concienciación nos centros, pero dende logo que non era así cando eu estaba no insituto, xa que non todos tiñamos internet na casa daquela, e penso que o meu centro aínda nin tiña páxina web... Xunto con Uxía e Diego, penso que é moi importante que o alumnado coma as familias teñan a oportunidade de informarse non só sobre os seus deberes e obrigas como estudantes, senón tamén sobre os seus dereitos, especialmente en temas como avaliación ou educación á diversidade.
Unha aperta!
Ola!
EliminarAprecio moito o que me dis. Dacordo contigo, con Diego e con Uxía en que cando nós estabamos no instituto non había as mesmas facilidades para acceder aos estándares descritos nas programacións.
Unha aperta! ☺