sábado, 12 de decembro de 2020

Diario Tema 6: As programacións didácticas vixentes

Ola a todo o mundo!

Con esta nova entrada de diario quero referirme ao traballado nas sesións do 3 e 10 de decembro de 2020 sobre as programacións didácticas vixentes. Como xa sabemos, as programacións forman parte do terceiro nivel de concreción curricular: é no propio centro escolar onde se fai de forma conxunta entre a xefatura e profesorado de cada departamento a programación completa. Este persoal docente deseña a programación da asignatura en base ao decreto de currículo de cada comunidade, e o profesorado de cada materia prepara á súa vez unha serie de unidades didácticas que se integran na programación didáctica completa.





Imaxe de http://grupoorion.unex.es:8001/rid=1134985626503_669231563_4263/Programacion%20Didactica.cmap 


Á hora de programar, cómpre ter en conta diferentes fontes: didáctica, psicolóxica, sociolóxica e epistemolóxica. A fonte didáctica serían os documentos oficiais nos que se base a programación; a psicolóxica, as características psicoevolutivas do alumnado e considerar necesidades educativas especiais; a sociolóxica, o entorno sociocultural e socioeconómico no que está o centro; a epistemolóxica, os contidos e orientacións metodolóxicas da materia. Aquí déixovos un pequeno xogo que atopei para revisar os contidos de cada unha das devanditas fontes.

Na aula prestamos especial atención á programación que hai que preparar cando os futuros docentes se presentan aos procesos selectivos para a acceder ao corpo docente de ensino secundario e ensinanzas de idiomas de réxime especial. A normativa actual implica a preparación dunha programación completa da asignatura escollida (no noso caso, primeira ou segunda lingua estranxeira para secundaria ou idioma estranxeiro no caso das escolas oficiais de idiomas) e a presentación desta ante un tribunal. É obrigatorio que este exercicio sexa de creación propia (apoiada nas leis vixentes na comunidade autónoma onde se leve a cabo dito proceso selectivo), máis como puidemos comprobar á hora de realizar unha análise de programación didáctica, a realidade é que moitos centros optan por plantexamentos moi básicos que non cumpren con todo o estabelecido no decreto de currículo e son os docentes os que quedan a cargo de completalas coas súas propias unidades. Unha programación completa para ESO e Bacharelato debería incluir cando menos unha contextualización do centro, referencias ás competencias e obxectivos que se van traballar na asignatura xunto cos correspondentes procedementos metodolóxicos e de avaliación; materiais e recursos, medidas de atención á diversidade e de modificación das programacións en relación cos resultados académicos do alumnado se for preciso.

Polo que puidemos ver nas presentacións grupais, poucos centros dos analizados cumplen con todos estes aspectos. A tendencia xeral é a de empregar os decretos o máximo posible, describir de xeito máis pormenorizado algún dos puntos (pero non todos) e deixar que os docentes se fagan cargo dos detalles nas súas unidades didácticas.



2 comentarios:

  1. Ola Katrin!
    Moitas grazas pola túa entrada, penso que está moi completa e explicas os aspectos máis importantes sobre as programacións didácticas. Tamén me gustou moito o xogo que incluíches: é moi sinxelo pero moi esclarecedor! Estou de acordo coa túa reflexión sobre a realidade das programacións dos centros, coa actividade que fixemos na clase puidemos ver que estes non adoitan prestar demasiada atención á elaboración das programacións, que son demasiado xerais na súa maioría, e os docentes son os encargados de completalas pola súa conta. Se cadra este aspecto debería estar máis regulado e supervisado, pois as programacións didácticas son un aspecto clave no desenvolvemento do curso e, se non son persoais e non teñen en conta as características individuais do seu alumnado, non teñen demasiada utilidade.
    Unha aperta!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola Uxía!

      Graciñas polas túas palabras. Alégrome de que o xogo che gustase, a verdade é que creo que esas cousas nos valen moito para clarificar contidos dun xeito menos tradicional.

      Unha aperta! ☺

      Eliminar