venres, 4 de decembro de 2020

Dossier - Tema 5


Con esta entrada quero facer unha pequena reflexión sobre os traballos de aula na asignatura
As linguas estranxeiras no contexto nacional e internacional, concretamente aqueles que se fixeron de xeito grupal para desenvolver o tema 5: deseño curricular. Ata o de agora, estivemos traballando en grupos e facendo presentacións sobre os contidos a traballar que nos corresponden (as linguas estranxeiras na educación secundaria e máis recentemente, nas esinanzas de réxime especial), así como probas en liña co uso da aplicación Kahoot!, da que falarei máis abaixo.


Todos sabemos que este curso está sendo un reto a moitos niveis, mais cando se trata de traballar de xeito remoto e grupal, ás dificultades propias de cursar un mestrado, engádese a cuestión dixital. Funcionará o micrófono? Escoitaranme no grupo? Por que se borrou o que tiña escrito no
drive?


Na primeira e segunda sesión, o alumnado foi dividido en minigrupos de traballo para facer unha análise-resumo dos principais contidos da LOMCE. Estes traballos fixéronse de xeito colaborativo en salas de traballo no campus remoto e un documento conxunto en Google Drive. Para facer a presentación comúns, toda a aula empregou un documento de Google compartido para encher os contidos correspondentes; para a primeira presentación, o noso grupo fixo á súa vez unha presentación compartida nun cartafol aparte para poder traballar máis a gusto, independentemente do resto dos grupos. A nós correspondeunos falar sobre a avaliación en secundaria e os obxectivos xerais do bacharelato. Desta tarefa, o máis complicado foi a revisión: tivemos unha sesión de Skype uns días antes da exposición oral para poder resolver dúbidas de contidos, formato, etc. Por outra banda, é unha marabilla poder traballar con compañeiras que mostran ser profesionais e humanas, e que mesmo neste momento, se prestan a escoitar, suxerir e refacer.



Para as actividades de aula, o docente empregou a aplicación Kahoot! como medidor da adquisición de coñecementos previos, tanto na primeira como seguintes sesións. De xeito individual, a ferramenta é efectiva e innovadora, aínda que pode provocar estrés xa que tamén ten en conta a rapidez á hora de dar unha resposta. Nesta ligazón tendes máis información nun artigo do New York Times de hai uns anos que fala sobre o uso de Kahoot! na aula e as súas aplicacións prácticas. Cabe mencionar que entre cada pregunta, o profesor Gonzalo deu explicacións de por que cada resposta correcta era tal, o que contribuiu a unha aprendizaxe máis significativa.



                                                                                             

   Imaxe atopada nesta ligazón.

Algo que considero positivo destas sesións é o emprego de ferramentas como Kahoot! para facer as aulas máis levadeiras e o uso de documentos compartidos para que unha vez feito o traballo, todo o alumnado poida ter o mesmo documento. As actividades serviron para reforzar os coñecementos previos sobre un tema que resultará fundamental no noso futuro na educación. Deixovos tamén aquí a presentación grupal que fixemos para a segunda sesión.


Un saúdo!


Katrin B.

2 comentarios:

  1. Bo día, Katrin!
    Parabéns por esta entrada e reflexión sobre a metodoloxía empregada na aula durante o tema 5 da materia. No meu caso, levaba case dez anos sen cursar estudos universitarios e iso, unido á situación excepcional de pandemia e docencia en liña, fixo que nun primeiro momento dubidase de como transcorrerían as clases e se me adaptaría ben a esta modalidade de ensinanza. A verdade, estou gratamente sorprendida polo ben que se desenvolveron as sesións e a cantidade de novas ferramentas e recursos que existen para poder dinamizar as aulas e que Gonzalo neste caso puxo á nosa disposición, xa que ao non ter experiencia docente descoñecía a meirande parte delas. Por outra banda, penso que a calidade humana dos compañeiros/as deste mestrado é excepcional e síntome afortunada de ter dado con xente tan traballadora, disposta a adaptarse aos horarios ás veces complicados dos que traballamos e tan creativa e profesional. Un gusto poder compartir grupo contigo e pór en práctica dunha forma tan positiva o traballo colaborativo!
    Unha aperta😊

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola Antía!

      Desculpa por non terche respostado antes. Eu estou dacordo en que isto está funcionando (para a miña sorpresa inicial, non che vou mentir hahaha). "Agree" total no compañeirismo que estamos experimentando, a verdade é que da gusto traballar convosco en todo momento.

      Unha aperta! ☺

      Eliminar