venres, 4 de decembro de 2020

Diario - Tema 5: Deseño curricular.

O deseño curricular resulta unha personaxe coñecida a estas alturas do curso. Nas primeiras sesións con Gonzalo exploramos un pouquiño máis este concepto, a que se refire e o que vai a supoñer para nós, como futuros e futuras docentes.

Antes da primeira sesión, o alumnado recibiu unha presentación sobre as leis educativas no estado español e os órganos da administración que regulan cada unha das partes que compoñen ditas leis. Estas traballáronse nesa primeira e seguintes sesións, tanto de xeito individual como en grupo.

A partir desta información, durante a primeira sesión comezamos cunha posta en común piramidal (primeiro en grupos pequenos e despois todo o grupo xunto) en resposta ás seguintes cuestións: que é exactamente o currículo e que elementos o compoñen, cales son as súas competencias básicas e os diferentes niveis de concreción curricular. A modo de resumo, podemos decir que o currículo é a regulación daqueles elementos que son parte dos procesos de ensinanza e aprendizaxe e está composto por obxectivos, contidos, criterios de avaliación, estándares de aprendizaxe, metodoloxía e competencias. Por outra banda, as competencias que se deben de traballar na aula son a competencia en comunicación lingüística (CCL), matemática e ciencias e tecnoloxía (CMCT), dixital (CD), aprender a aprender (CAA), conciencia e expresións culturais (CCEC), conciencia social e cívica (CCSC), e sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIEE). As competencias trabállanse tanto na educación básica como nas ensinanzas de réxime especial; no noso caso falamos de ensinanza de idiomas nas Escolas Oficiais de Idiomas. 

Xa por último, hai tres graos de concreción curricular: un primeiro nivel no que están a administración central e os gobernos autonómicos que se responsabilizan do currículo xeral do estado e as autonomías; un segundo no que as responsabilidades recaen sobre os centros educativos e o PEC (Proxecto de Ensino do Centro); e un terceiro nivel onde están os propios docentes, responsables das súas programacións de aula. Cabe mencionar que hai autores que falan dun cuarto nivel de concreción curricular, que trataría as adaptacións curriculares e os cambios dentro da programación de aula, máis isto estaría xa incluído no terceiro nivel.

Imaxe atopada en https://view.genial.ly/57eb894694fe131b30db45eb/interactive-content-niveles-de-concrecion-curricular (autoría: Alejandro González García)


Aínda que cada grao de concreción curricular depende dun órgano administrativo diferente, teñen en común as decisións políticas de cada novo goberno: as leis educativas mostran esta tendencia ao turnismo, que de xeito evidente ten consecuencias tanto para o persoal docente como para o alumnado. Chámame moitísimo a atención o feito de que o Goberno central teña un papel tan importante á hora de estabelecer o currículo, moito máis que o propio Ministerio de Educación, incluso á hora de estabelecer o temario de oposición. Tería máis sentido que fosen aqueles órganos con coñecemento de causa na materia e especialmente máis próximos á realidade educativa os que puidesen tomar ese tipo de decisións, xa que afectarán non só á escola, senon ao conxunto da sociedade nos vindeiros anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario