A
entrada de hoxe versa sobre o tema 2 visto nas aulas de Linguas
estranxeiras no contexto español e internacional: o Marco
Europeo Común de Referencia para as linguas e os obxectivos,
métodos e prioridades da política lingüística europea.
En
primeiro lugar, que é exactamente o MECR? Trátase dun documento
creado hai case vinte anos polo Consello de Europa que define a
competencia lingüística dos falantes dun idioma. Este documento
emprégase como modelo de referencia a xeito global para definir as
diferentes destrezas que se poden adquirir ao estudar unha lingua,
seguindo unha escala de seis niveis que vai dende o A1
(principiante) ata o C2 (competencia plena). Dentro destes
niveis, hai tres dimensións (comprender, falar e escribir) que se
teñen en conta á hora de poñer a lingua en práctica. O MECR ven
funcionando dende a súa creación (2001) como ferramenta básica de
referencia na ensinanza de idiomas, xa que resulta claro á hora de
marcar o que se espera de cada nivel, tanto para o alumnado como para
os docentes. Un punto moi útil deste modelo é que facilita a
homologación de diferentes acreditacións en linguas estranxeiras,
tan populares nos últimos anos.
Imae atopada en http://www.euenglish.hu/2015/12/what-are-cefr-levels/
Gustaríame
enlazar o uso do MECR coa miña experiencia persoal, tanto como
profesora como estudante. Ata que cheguei á universidade, non
entendera moi ben o que significaba «ter un nivel B2/C1/...».
Recoñecía que había un nivel baixo, outro intermedio e outro
avanzado, pero non entendía cales eran os criterios (e os exames)
para falar dun ou outro. Só unha vez comecei a traballar nunha
academia privada, entendín as diferencias entre ditos niveis e cal
eran as súas aplicacións prácticas; como graduada en Tradución e
Interpretación, quixen probarme a min mesma e presentarme ao
Cambridge Proficiency in English - C2 (aquí
vos deixo a escala de Cambridge cos exames e o equivalente no MCER).
Sinto que adquirín as competencias propias do nivel despois de
aprobar? Si, máis moito do que preparei era «técnica de exame»:
non só recoñecer os contidos, tamén entender cada tipo de
exercicio que iba a realizar, e así activar coñecementos previos
para facilitar o desenvolvemento da tarefa. Penso que foi máis
efectivo entender o por que de cada parte do exame que simplemente
poñer en práctica os contidos, como a veces se pide nas aulas.
Dende
logo, nas academias de linguas e nas escolas de idiomas trabállanse
tendo o MECR como guía e en moitos casos, como obxectivo. Con isto
refírome a que se aprende para aprobar un exame
de B1, de B2... e conseguir unha acreditación, non
para desenvolverse en diferentes situacións. No caso das aulas
de secundaria, a guía que supón o MECR tamén está presente e a
teoría di que o alumnado que remata a ESO vai ter como mínimo un
nivel B1 da lingua estranxeira, mais... significa isto que este grupo
de poboación é realmente capaz de desenvolverse en situacións da
vida real nesa lingua? As leis educativas vixentes nestes momento
(LOE, LOMCE) falan do plurilingüismo como un obxectivo a conseguir
no futuro, como unha prioridade para o sistema educativo e como
medida para facilitar o ensino das linguas estranxeiras, aínda que
este concepto non está totalmente implementado na realidade. Parece
que neste país se presta máis atención á imaxe externa que a
solucionar problemas internos, como centrarse nas aplicacións
prácticas da lingua para un ensino máis efectivo. O MECR é unha
boa guía,
centrada nun enfoque máis comunicativo, máis non é suficiente para
cambiar o ensino que nos corresponde.
Aprobar
un exame non quere decir que se estean a adquirir as competencias
propias dese nivel. As acreditacións, que parecen tan importantes e
non sempre se chegan a empregar máis que para presumir delas, poden
quedar obsoletas moi fácilmente. Tiven unha alumna que quería
certificar un B2 de inglés, e dous meses despois do exame, non
volvera practicar a lingua. Cal é o sentido se non hai unha
aplicación práctica? Porén, a poboación que estuda linguas
estranxeiras faino maioritariamente na escola, e son os menos os que
buscan opcións fóra do horario lectivo. Dende logo, hai tamén unha
repercursión económica á hora de acreditar o coñecemento desa
lingua estranxeira que hai que ter en conta. A maior parte de
estudantes acode a clases extracurriculares do idioma do seu interés
ben porque precisan reforzo e un aprobado, ou porque queren
certificar de xeito oficial ditos coñecementos. Ás veces, parecemos
esquecer que o coñecemento dunha lingua vale máis que un papel que
o diga, e unha certificación regulada (respaldada por unha
institución recoñecida e con validez en documentos) pode variar,
dependendo do nivel, dende un mínimo de 50€ ata máis de 200€. O
estado non sei fai cargo deste desembolso, que no caso dos niveis
máis altos é bastante grande. Aínda que nas Escolas Oficiais de
Idiomas do país é posible presentarse directamente a un exame de
certificación, estes non sempre foron recoñecidos no estranxeiro ou
os niveis non se correspondían exactamente coa realidade. Ata hai
uns anos, non existían nas EOIs os niveis avanzados C1 e C2, e
recoñecíase o B2 como tal, co correspondente desaxuste en casos de
recoñecemento de méritos lingüísticos no estranxeiro.
Dende
o meu punto de vista persoal, o MECR resulta útil para a docencia
porque como dixen anteriormente, é claro no que se require aos
aprendices e aos contidos que hai que traballar. Non obstante, non se
pode esquecer que como futuros e futuras docentes, á hora de
programar sempre hai que ter en conta as necesidades específicas do
alumnado e do entorno sociocultural. Non todo o mudo ten as mesmas
capacidades, habilidades ou coñecementos e antecedentes previos. De
aí que a nosa labor resulte tan complicada, porque hai que adaptar o
sistema ao alumnado e non ao revés, e tentar facilitar a todo o noso
grupo estratexias para a autoaprendizaxe sen deixar de guialo cara a
aplicacións prácticas da lingua, o cal non é nada sinxelo.
Un saúdo,
Katrin B.
Con respecto a todo o que estou lendo, non podería estar máis de acordo contigo. Cando fixen o exame B2 para certificar o meu nivel de inglés, non enetendía exactamente a que se refería e creo que só acabei de comprendelo unha vez que traballamos co Marco e vimos o seu contido.
ResponderEliminarEntón, como ti tamén apuntaches na túa publicación, pensei na obrigatoriedade de certificar un nivel de lingua concreto unha vez rematados os estudos universitarios. Cheguei exactamente á mesma reflexión que fixeches sobre a túa alumna: "Cal é o sentido se non hai unha aplicación práctica?".
Son a primeira en defender a importancia que ten o coñecemento das linguas, pero non vexo como un título de hai 5 anos pode dicirme a día de hoxe que ese segue sendo o meu nivel, simplemente porque paguei por iso. É dicir, o plurilingüismo que se intenta implantar pasa a convertirse nun trámite que hai que facer e voltamos así á "titulitis", que parece que non quere marchar da nosa sociedade.
Non obstante, tes razón cando dis que os sistema debe adaptarse ao alumnado e que é algo que non podemos olvidar se algún día decidimos adicarnos á ensinanza de linguas. Tal vez así, poidamos axudar a acabar co mal da "titulitis" e conseguir o obxectivo que realmente temos coma profesionais: que aprendan unha lingua e comprendan todo o que a rodea.
Lara, encantoume a túa reacción! Moitas grazas por compartir a túa propia experiencia. Entendo perfectamente o que dis sobre o abuso de títulos, que parece que para facer calquera cousa che piden un, e non se consideran os coñecementos se non están en papel.
EliminarSaudiña! ☺