sábado, 23 de xaneiro de 2021

Comentarios noutros blogs (Cristina)

 Ola a todo o mundo!


Deixovos aquí as ligazóns aos meus comentarios nos blogs das compañeiras para os temas 3 e 11 de Cristina:


Tema 3

Comentario en blog - Paz Lago

Comentario en blog - Ana Giráldez

Comentario en blog - Estela González


Tema 11

Comentario en blog - Estela González

Comentario en blog - Uxia Álvarez

Comentario en blog - Lara Muñoz


Saúdos ☺


Katrin B.


venres, 22 de xaneiro de 2021

Didáctica - Tema 11 (Cristina)

Ola de novo!

Desta volta vou comentar o que fixemos no tema 11 da asignatura Didáctica (...): A avaliación na aula de linguas estranxeiras. Eu vou falar sobre as rúbricas e os diferentes tipos de avaliación cos que teremos que traballar, así como da retroalimentación (feedback) e algunhas estratexias para levala a cabo.

Antes de nada, quero recalcar que avaliar se trata de recoller datos para tomar decisións, e non simplemente cualificar, que sería dar unha nota en base a unha escala numérica/de letras. A valoración que fagamos debe ter uns criterios claros e obxectivos – de aí que sexa tan importante escoller instrumentos de avaliación adecuados e de saber empregalos correctamente.

Comezo falándovos sobre as rúbricas porque son unha das ferramentas máis empregadas para avaliar tarefas de aula... e non sempre se fai de xeito correcto. Trátase dunha táboa que empregaremos para decidir se unha actividade/tarefa conseguiu os obxectivos a traballar nese momento. Unha boa rúbrica debe ter os descritores ben redactados de xeito que refiran os obxectivos a conseguir ou conseguidos de xeito claro. Se nós elaborarmos unha rúbrica, a idea é que ao redactadala non sexa válida únicamente aos nosos ollos, senón que outra persoa sexa capaz de entendela e empregala de forma correcta e obxectiva. Deixo aquí unha rúbrica para avaliar rúbricas que a profesora Cristina nos ensinou en clase e que vexo moi útil a modo de guía.

Algo que comentamos na clase é a posibilidade de que o alumnado participe na creación de rúbricas, xa que deste xeito terán unha participación máis activa nos procesos de aula e serán á vez conscientes da súa propia autoaprendizaxe. Tamén está a posibilidade de darlle ao grupo-aula unha rúbrica xa feita e que a comenten, lle engadan puntos que cren que faltan, notas, etc. Penso que deste xeito se involucra a todas as partes interesadas e que pode dar bós resultados. Definitivamente é algo que querería probar no futuro. Para practicar, nós engadimos unha rúbrica á actividade de mediación que fixemos no tema 3. Se ben non sempre é sinxelo escoller o que se vai a valorar e redactalo dun xeito claro, sinto que nos serviu para dármonos de conta do que non hai que facer.

Xa no que se refire aos tipos de avaliación, atopamos varios tipos (inicial, formativa e final) e subtipos (coavaliación, autoavaliación...). A avaliación inicial vainos servir a modo de diagnóstico ao comezo dunha etapa, curso, trimestre... e é necesaria para ter unha primeira idea do nivel e funcionamento do grupo aula e así aplicar as metodoloxías e cambios precisos que mellor funcionen con el. Da formativa falarei a continuación por ser a máis extensa, ainda que a última sexa a avaliación final (ou sumativa). Trátase da suma dos resultados obtidos nas avaliacións previas para certificar e calificar a aprendizaxe dacordo cos criterios establecidos polo sistema correspondente. As ferramentas máis comúns son os exames, en conxunto coas rúbricas e listas de comprobación.

A avaliación formativa, pola contra, débese ter en conta dende o primeiro momento, xa que trata de ver o progreso do alumnado dende que comeza ata que remata. Para isto e preciso que o profesorado dea retroalimentación contínua e así mellorar tanto o ensino como a aprendizaxe do alumnado. A retroalimentación pode darse de diversas formas (comentarios escritos, notas redactadas no traballo entregado, reunións co alumnado, notas cuantitativas, informes...) e o obxectivo non é criticar erros, senón axudar a correxilos. É decir: non facer comentarios negativos e encarar a observación sempre a posibles melloras (coidado coa linguaxe que empregamos!). Por exemplo, a nosa profesora comentou que nas súas aulas emprega un código para a correción de tarefas escritas similar ao que tendes na fotografía (fonte: British Council). 

Ao alumnado coñecer o código e ter sinalados os erros, deben buscar pola súa conta a forma de correxilo... e entregar esta nova versión. Aquí vos deixo un artigo que atopei moi interesante en canto ás formas máis efectivas de dar retroalimentación. Cabe mencionar que as notas numéricas non están mois aconselladas, posto que non sinalan o que se pode mellorar. Un formato de retroalimentación que me gustou moito é o dos exit tickets que descubrín grazas ás redes. Estes implican que o alumnado faga reflexión sobre o aprendido antes de saír da aula nun papel, coas indicacións que cada docente escolla (os de eltarrodelosidiomas gústanme moito), por exemplo algo que cres que debes revisar, algo que che gustou, algo que non entendiches, ou algo que podes explicar a un/ha compañeiro/a. O feito de que sexan algo que hai que entregar sí ou sí serve de moito ao alumnado para reflexionar e ao persoal docente para mellorar ou cambiar a forma de levar a aula.

Na miña experiencia, unha forma efectiva de retroalimentación que funciona ben é a de tomar notas durante a clase tanto de posibles erros como de bos usos da lingua. Antes do remate das aulas, escribir na pizarra estas notas (ou unha parte delas, segundo consideración, por exemplo, os erros máis repetidos) e pedirlle ao grupo que digan se cren que está ben ou mal e por que, como o correxirían e se o termo/expresión precisa cambios ou non. No caso de erros incorrectos da lingua, cabe pedirlles que para a seguinte sesión traian un exemplo dese punto correxido (por exemplo, se hai erros na expresión do presente perfecto ou un falso amigo, escribir tres oracións co uso correcto do tempo verbal ou da expresión correspondente). Sinalo os bos usos da lingua porque tamén serven para que o grupo sexa consciente de que hai cousas que están facendo que están ben ditas e empregadas, e queda contento de saber que vai polo bo camiño. 

En conclusión, pareceume un tema importante para a nosa vida laboral, xa que imos non só ensinar, senón valorar de que xeito se leva a cabo e que efecto produce no alumnado, así como os seus progresos dende que comezan o proceso ensinanza-aprendizaxe.

mércores, 20 de xaneiro de 2021

Didáctica - Tema 3 (Cristina)

Ola a todxs!

Escribo esta entrada para facer un pouquiño de reflexión sobre o visto no tema 3 da asignatura de Didáctica: Estratexias de comunicación. A comunicación oral e escrita e o seu tratamento na aula. Procedementos para o fomento das habilidades comunicativas na aprendizaxe de linguas estranxeiras. O certo é que me parece un tema complexo e interesante, así como das partes máis útiles á nivel práctico que vimos ata o de agora. Imos aló.


Comezamos o tema falando sobre vocabulario que debería sernos coñecido pero no o era tanto. En grupos e baseándonos no MECR, contruímos un pequeno glosario no cal incluímos os seguintes termos, que describirei de forma moi breve e xeral:
  • Co-construción do significado (traballo conxunto para estimular e desenvolver ideas)
  • Enfoque orientado á acción (modelo educativo no cal o alumno é un axente social que traballa en contextos reais e concretos)
  • Mediación (actividade comunicativa que fai de ponte entre dous individuos/situacións)
  • Plurilingüismo (característica de invididuos que empregan varias linguas e a capacidade de as adaptar segundo as súas necesidades)
Unha vez claros os conceptos, pasamos ao prato forte do dia: a mediación. A min este concepto resultoue familiar por ter estudado interpretación e porque como profesora de inglés en academias privadas, traballase de cara á preparación de exames oficiais e/ou certificados. Cabe mencionar que no exame IELTS Academic, na primeira proba da expresión escrita, os candidatos teñen que explicar a información que poida aparecer nunha táboa de datos, un diagrama ou un gráfico en formato informe. Trataríase pois dunha mediación escrita interlingüística (por ser no mesmo idioma) na cal podemos destacar a lectura e procesamento da información así como a transmisión desta última a un público hipotético que non entendese as figuras anteriores. Por outra banda temos a mediación oral. Un bo exemplo atopeino neste blog, na cal hai un contexto moi concreto: un amigo estadounidense quere saber se hai x cláusulas nun contrato de arrendamento [en castelán]. A nosa labor sería ler dito contrato e transmitir a información relevante que se nos pide [na lingua estranxeira], actuando como ponte entre o texto de partida e o público de chegada. Para comprender exactamente o que supoñen estas actividades, fixemos por grupos unha análise de diferentes actividades de mediación que axudou a clarificar que é o que hai facer (cal é o nivel, que tipo de texto, que interés pode ter para o alumnado...). Rematamos a sesión con retroalimentación sobre as análises por parte da docente. Na segunda sesión, tocounos a nós plantexar unha actividade de mediación por grupos. Podedes ver o que traballamos nesta ligazón. No caso do meu grupo, pensamos nunha actividade para o primeiro curso de secundaria, para que o alumnado se coñecese algo máis entre sí e á vez servise aos docentes como avaliación inicial.

Por outra banda, nesa segunda sesión tamén plantexamos actividades de comprensión. As destrezas receptivas son as escoitas (listening) e a comprensión escrita (reading comprehension), xa que o alumnado non produce, recibe información que ten que procesar. Aínda que se trate de traballar de forma pasiva, o enfoque comunicativo está sempre presente na aula mediante exercicios orais e interacción entre o alumnado. Para practicar de forma activa, fixemos por grupos o plantexamento dunha tarefa de comprensión na aula. 


No caso do meu grupo, escollemos traballar cun texto sobre un programa de radio da BBC cuxos obxectivos principais eran reading for gist, reading for detailed comprehension e use of present perfect como obxectivo secundario. Deixovos aquí unha chuleta cos pasos para unha clase baseada nunha lectura, xa que penso que aprender a deseñar este tipo de actividades para que teñan unha estrutura coherente e enlazada pode ser complicado se non hai ningunha experiencia previa.



Xa no que se refire á produción (tanto escrita como oral) traballamos cunha perspectiva máis accional. Se ben é obvio que o alumnado se vai expresar na lingua estranxeira e se vai a comunicar, a veces non queda moi claro como facelo. Para iso, coido que darlle patróns ao alumnado para que tomen ideas e aprenda é básico. Como non, en grupos fixemos un esquema básico de actividades de produción, que no caso do noso grupo (escribir un correo electrónico informal) incluía preguntas sobre o contexto, un modelo, búsquedas de información concreta e estruturas, e xa finalmente unha produción propia baseada en dito modelo. Dame a sensación de que na educación de idiomas é máis efectivo traballar arredor dun texto (oral ou escrito) que simplemente ter datos que usar, polo menos no primeiro exercicio. É decir: resulta máis sinxelo seguir ese modelo, e unha vez adquirida certa práctica, traballar con cada vez menos axuda ata que un é capaz de crear o seu propio texto.


En conclusión, que todo o que fixemos estes días me pareceu interesante e útil, e que o feito de traballar en grupo sempre axuda. Por que? Porque cada un(ha) de nós ten ideas e experiencias diferentes, que axudan a construir actividades efectivas e cun toque especial.

martes, 19 de xaneiro de 2021

Comentarios noutros blogs (DIDÁCTICA - Gonzalo)

Ola a todo o mundo!

Deixovos aquí as ligazóns aos meus comentarios nos blogs das compañeiras para o tema 1 de Gonzalo: 

Comentario en blog - Uxía Álvarez
Comentario en blog - Ildara Enríquez
Comentario en blog - Ana Jiménez

Saúdos ☺

Katrin B.

domingo, 17 de xaneiro de 2021

Didáctica - Tema 1: Situacións e variábeis de ensino das linguas estranxeiras.

Ola de novo!


Escribo esta entrada, a primeira do ano, para facer reflexión e comentar algunhas cousas sobre o que vimos no tema 1 da asignatura específica de Didáctica da ensinanza das linguas estranxeiras. Neste caso, voume referir á situación e variábeis de ensino dos devanditos idiomas e o que fixemos na aula durante a primeira semana do segundo cuatrimestre. Na sesión do 11 de xaneiro comezamos cos aspectos diferenciais entre lingua inicial, segunda e estranxeira, asi como as existentes entre lingua habitual, de traballo e vehicular.


A modo de resumo: a lingua inicial é a primeira (ou primeiras) que adquirimos, de forma inconsciente e que nos vén dada polo noso entorno máis achegado. A linguas segunda e estranxeira chegan a nós normalmente nas escolas, aínda que a podemos adquirir como lingua vehicular, de traballo, etc. A segunda lingua é aquela que adquirimos despois da(s) primeira(s), en tanto que a estranxeira se adquire nun contexto formal e de xeito consciente, tanto na educación básica como a posteriori. A modo de exemplo, cito o meu caso: as miñas linguas iniciais son o castelán e o galego, como segunda lingua rematei tendo o inglés por motivos laborais e persoais, e como lingua estranxeira estudei francés no instituto (así como posteriormente na carreira).


Por outra banda, temos os termos referidos a lingua vehicular/de traballo/habitual. Pola primeira entendemos que é aquela empregada como medio condutor nun contexto concreto. No estado español, o castelán sería a lingua vehicular, que comparte protagonismo nas nacións históricas cos idiomas propios en cada unha delas. A lingua de traballo é aquela empregada no entorno laboral, entanto que a habitual é a empregada na maioría de contextos comunicativos. No caso das persoas bilingües, pode haber máis dunha lingua habitual.


Para asentar estes coñecementos e clarificalos, fixemos en primeiro lugar unha actividade en  minigrupos cun diagrama de Venn (á dereita tendes un exemplo, atopado neste artigo). Neste, sinalamos as características propias á hora de aprendermos unha lingua, co exemplo dunha lingua 1 (no caso do noso grupo, lingua materna), as peculiaridades da aprendizaxeque compartía cunha lingua 2 (neste caso, estranxeira) e as particularidades inherentes a esta última. En común, comentamos o que atoparamos, e algo que cabe mencionar é que ambas linguas se aprenden imitándoas, sexa de forma consciente ou inconsciente. O contexto de adquisición, pola contra, pode variar, xa que pode ser formal (na escola, no traballo...) ou informal (na casa, na rúa...).


En segundo lugar, para entender mellor os conceptos mencionados previamente e o seu contexto de uso, fixemos unha actividade en formato placemat... aínda que adaptada á aula en liña. Na teoría, seguindo o esquema do placemat, cada persoa responde nunha parte ás cuestións que se formulan para despois chegar a unhas conclusións en común. Pola nosa banda, respondemos en primeiro lugar a unha serie de preguntas e despois, en minigrupos, puxémolas en común. Na seguinte sesión (correspondente ao 14 de xaneiro) comentamos as respostas ao comezo da clase e aclaramos algunhas dúbidas ao respecto.



Nesta segunda sesión avanzamos en conceptos que, na miña opinión, nos servirán no futuro á hora de plantexar a programación para grupos-aula, entender mellor ao alumnado e aproveitar as súas particularidades [lingüísticas] ao máximo. Ditos conceptos refírense ao repertorio lingüístico, a comunidade lingüística e a comunidade de lingua.


O primeiro engloba as linguas que coñecemos (activas e pasivas); por outra banda, a comunidade lingüística e a de lingua refírense a un grupo de falantes que comparten un mesmo repertorio lingüístico de base. A comunidade lingüística refírese a un conxunto de persoas que falan a mesma lingua. A comunidade de lingua sería o grupo de persoas que comparten un mesmo contexto xeográfico e interactúan entre sí mediante normas de uso compartidas. Un exemplo: a miña comunidade lingüística é a galega, entanto que a miña comunidade de lingua refírese á fala propia do Morrazo; esta última non compartiría demasiados rasgos coa variedade oriental do galego que se fala por exemplo en Maceda (Ourense).Déixovos este enlace ao Disionario Morrasense para que riades un pouquiño :-)


A mellor forma de entender un concepto é traballándoo, de xeito que primeiro individualmente e logo en común fixemos o repertorio lingüístico do noso grupo (téndelo aquí). Se ben é certo que temos tanto linguas como variedades lingüísticas en común, o certo é que dubido que calquera repertorio lingüístico sexa completamente homoxéneo, mesmo en grupos pechados como poden ser unha aula, unha familia, etc., xa que cada individuo usa a lingua de forma diferente.


Como docentes de linguas estranxeiras, á hora de transmitirmos coñecemento estamos aumentando o repertorio lingüístico do noso alumnado e así axudar a darlle forma á comunidade lingüística na que nos atopemos. Dependendo da etapa de ensinanza na cal nos atopemos, empregaremos metodoloxías didácticas diferentes, entre elas (escollo o inglés por ser a miña lingua de traballo):


  • Lingua inicial (English as Mother Tongue)

  • Lingua segunda (English as Second Language)

  • Lingua estranxeira (English as Foreign Language)

  • AICLE (CLIL – Content learning integrated language)

  • Aprendizaxe precoz das linguas estranxeiras (English for Young Learners)

  • Linguas estranxeiras para fins específicos (Englisb for Specific Purposes: Business English, Medical English, English for Tourism...)



Para concluír, gustaríame facer fincapé na importancia da relación entre docente e grupo de aula. A nosa labor baséase na transmisión de coñecementos, sí, mais tamén no saber ser persoas e mostrar un lado humano que permita que o proceso de ensinanza-aprendizaxe flúa cara ambas partes de xeito positivo e ameno. Remato con esta ligazón sobre a importancia de dita relación nas aulas de secundaria.

Imaxe de http://www.theindependentbd.com/arcprint/details/67805/2016-11-11


Un saúdo! Espero que vos resulte interesante.


Katrin B.



xoves, 17 de decembro de 2020

Comentarios noutros blogs (Carla)

Ola a todo o mundo!

Deixovos aquí as ligazóns aos meus comentarios nos blogs das compañeiras para a parte de Carla: 

Comentario en blog - Antía Amoedo
Comentario en blog - Ana Jiménez
Comentario en blog - Lara Muñoz

Saúdos ☺

Katrin B.

Comentarios noutros blogs (Gonzalo)

Ola! 


Deixo aquí os comentarios que fixen nos blogs doutras compañeiras para a parte de Gonzalo:


Comentario en blog: Rocío González

Comentario en blog: Uxía Gómez

Comentario en blog: Uxía Álvarez


Un saúdo ☺


Katrin B.