domingo, 17 de xaneiro de 2021

Didáctica - Tema 1: Situacións e variábeis de ensino das linguas estranxeiras.

Ola de novo!


Escribo esta entrada, a primeira do ano, para facer reflexión e comentar algunhas cousas sobre o que vimos no tema 1 da asignatura específica de Didáctica da ensinanza das linguas estranxeiras. Neste caso, voume referir á situación e variábeis de ensino dos devanditos idiomas e o que fixemos na aula durante a primeira semana do segundo cuatrimestre. Na sesión do 11 de xaneiro comezamos cos aspectos diferenciais entre lingua inicial, segunda e estranxeira, asi como as existentes entre lingua habitual, de traballo e vehicular.


A modo de resumo: a lingua inicial é a primeira (ou primeiras) que adquirimos, de forma inconsciente e que nos vén dada polo noso entorno máis achegado. A linguas segunda e estranxeira chegan a nós normalmente nas escolas, aínda que a podemos adquirir como lingua vehicular, de traballo, etc. A segunda lingua é aquela que adquirimos despois da(s) primeira(s), en tanto que a estranxeira se adquire nun contexto formal e de xeito consciente, tanto na educación básica como a posteriori. A modo de exemplo, cito o meu caso: as miñas linguas iniciais son o castelán e o galego, como segunda lingua rematei tendo o inglés por motivos laborais e persoais, e como lingua estranxeira estudei francés no instituto (así como posteriormente na carreira).


Por outra banda, temos os termos referidos a lingua vehicular/de traballo/habitual. Pola primeira entendemos que é aquela empregada como medio condutor nun contexto concreto. No estado español, o castelán sería a lingua vehicular, que comparte protagonismo nas nacións históricas cos idiomas propios en cada unha delas. A lingua de traballo é aquela empregada no entorno laboral, entanto que a habitual é a empregada na maioría de contextos comunicativos. No caso das persoas bilingües, pode haber máis dunha lingua habitual.


Para asentar estes coñecementos e clarificalos, fixemos en primeiro lugar unha actividade en  minigrupos cun diagrama de Venn (á dereita tendes un exemplo, atopado neste artigo). Neste, sinalamos as características propias á hora de aprendermos unha lingua, co exemplo dunha lingua 1 (no caso do noso grupo, lingua materna), as peculiaridades da aprendizaxeque compartía cunha lingua 2 (neste caso, estranxeira) e as particularidades inherentes a esta última. En común, comentamos o que atoparamos, e algo que cabe mencionar é que ambas linguas se aprenden imitándoas, sexa de forma consciente ou inconsciente. O contexto de adquisición, pola contra, pode variar, xa que pode ser formal (na escola, no traballo...) ou informal (na casa, na rúa...).


En segundo lugar, para entender mellor os conceptos mencionados previamente e o seu contexto de uso, fixemos unha actividade en formato placemat... aínda que adaptada á aula en liña. Na teoría, seguindo o esquema do placemat, cada persoa responde nunha parte ás cuestións que se formulan para despois chegar a unhas conclusións en común. Pola nosa banda, respondemos en primeiro lugar a unha serie de preguntas e despois, en minigrupos, puxémolas en común. Na seguinte sesión (correspondente ao 14 de xaneiro) comentamos as respostas ao comezo da clase e aclaramos algunhas dúbidas ao respecto.



Nesta segunda sesión avanzamos en conceptos que, na miña opinión, nos servirán no futuro á hora de plantexar a programación para grupos-aula, entender mellor ao alumnado e aproveitar as súas particularidades [lingüísticas] ao máximo. Ditos conceptos refírense ao repertorio lingüístico, a comunidade lingüística e a comunidade de lingua.


O primeiro engloba as linguas que coñecemos (activas e pasivas); por outra banda, a comunidade lingüística e a de lingua refírense a un grupo de falantes que comparten un mesmo repertorio lingüístico de base. A comunidade lingüística refírese a un conxunto de persoas que falan a mesma lingua. A comunidade de lingua sería o grupo de persoas que comparten un mesmo contexto xeográfico e interactúan entre sí mediante normas de uso compartidas. Un exemplo: a miña comunidade lingüística é a galega, entanto que a miña comunidade de lingua refírese á fala propia do Morrazo; esta última non compartiría demasiados rasgos coa variedade oriental do galego que se fala por exemplo en Maceda (Ourense).Déixovos este enlace ao Disionario Morrasense para que riades un pouquiño :-)


A mellor forma de entender un concepto é traballándoo, de xeito que primeiro individualmente e logo en común fixemos o repertorio lingüístico do noso grupo (téndelo aquí). Se ben é certo que temos tanto linguas como variedades lingüísticas en común, o certo é que dubido que calquera repertorio lingüístico sexa completamente homoxéneo, mesmo en grupos pechados como poden ser unha aula, unha familia, etc., xa que cada individuo usa a lingua de forma diferente.


Como docentes de linguas estranxeiras, á hora de transmitirmos coñecemento estamos aumentando o repertorio lingüístico do noso alumnado e así axudar a darlle forma á comunidade lingüística na que nos atopemos. Dependendo da etapa de ensinanza na cal nos atopemos, empregaremos metodoloxías didácticas diferentes, entre elas (escollo o inglés por ser a miña lingua de traballo):


  • Lingua inicial (English as Mother Tongue)

  • Lingua segunda (English as Second Language)

  • Lingua estranxeira (English as Foreign Language)

  • AICLE (CLIL – Content learning integrated language)

  • Aprendizaxe precoz das linguas estranxeiras (English for Young Learners)

  • Linguas estranxeiras para fins específicos (Englisb for Specific Purposes: Business English, Medical English, English for Tourism...)



Para concluír, gustaríame facer fincapé na importancia da relación entre docente e grupo de aula. A nosa labor baséase na transmisión de coñecementos, sí, mais tamén no saber ser persoas e mostrar un lado humano que permita que o proceso de ensinanza-aprendizaxe flúa cara ambas partes de xeito positivo e ameno. Remato con esta ligazón sobre a importancia de dita relación nas aulas de secundaria.

Imaxe de http://www.theindependentbd.com/arcprint/details/67805/2016-11-11


Un saúdo! Espero que vos resulte interesante.


Katrin B.



9 comentarios:

  1. Ola, Katrin! Encantoume a túa entrada, especialmente o Disionario Morrasense que xa coñecía pero non me canso de lelo. Tes razón en que non se parece en nada ao galego da zona de Ourense. Con respecto ao repertorio lingüístico, estou de acordo contigo, non creo que exista ningún homoxéneo xa que cada persoa procesa a aprendizaxe de distinta forma, polo que é imposible que sexa exacto. Non obstante, si pode ser un documento moi aproximado que nos permita facernos unha idea das linguas que se falan e se comparten. É máis, o feito de que non sexa homoxéneo, dá máis posibilidades de aprender cousas distintas aínda tendo coñecementos dunha mesma lingua.
    Por último, gustoume a túa última reflexión sobre a relación docente-alumnado. Creo que non aprendemos do profesorado que máis sabe, senon do que mellor transmite a información e mantén unha boa relación co alumnado.
    Saudiña!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola!

      Alegro moitísimo de que che gustase o chiste, a verdade é que é algo para non perder. Tes moita razón ao sinalar que un repertorio, aínda que homoxéneo, nos pode axudar na consecuión de actividades e a dar máis visibilidade a certos aspectos da lingua. Penso coma ti, que hai que ser humanos e transmitir non únicamente coñecemento, senon tamén valores axeitados.

      Saudiña!

      Eliminar
  2. Ola, Katrin!

    Grazas pola entrada, pareceume moi ilustrativa do que aprendimos e fixemos na clase. Encántame o Diario Morrasense! Non o coñecía pero paréceme fantástico. Resúltame moi interesante a última idea que mencionas, sobre a relación do docente e do grupo aula. A verdade é que como docentes sempre nos centramos na ensinanza de contidos, mais ao final somos persoas que están presentes durante o seu crecemento persoal, polo que tamén deberiamos ter moi en conta a educación en valores e o saber ver máis aló da aula e da clase de lingua estranxeira.

    Unha aperta!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola!

      Graciñas polas túas palabras! O DM pareceme interesante mesmo como ferramenta didáctica para falar de sociolingüística hahahaha. Concordo co que me contas sobre a relación docente-alumnado. O ambiente de aula é importante que sexa agradable!

      Unha aperta!

      Eliminar
  3. Ola, Katrin!
    Antes de nada grazas por esta entrada que resume moi ben o visto na aula. Estou de acordo contigo no tocante ao repertorio lingüístico cando dis que é difícil que exista un modelo homoxéneo xa que cada persoa ten unha aprendizaxe distinta e tamén influencia a cultura e a motivación de cada un por aprender un idioma. Por outra parte, eu creo que coñecer o repertorio lingüístico do noso alumnado pode servirnos a entendelos mellor e a eles venlles ben para que recoñezan as súas propias competencias lingüísticas ademais de que pode ser motivador para eles a hora de querer aprender un novo idioma. Un saúdo!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola María!

      Eu estou moi dacordo contigo, tanto en que os coñecementos propios do alumanado nos poden servir para mellorar as súas capacidades (aínda que eles non o sepan!) como en que sendo docentes lles temos que tender unha man como persoas.

      Saudiña! ☺

      Eliminar
  4. Ola, Katrin! Grazas por compartir connosco esta entrada, creo que é útil para todas as compañeiras porque consegues sintetizar moi ben o contido das dúas sesións de clase do tema 1 de Didáctica.
    Paréceme especialmente ben traído o Disionario Morrasense como exemplo real e representativo dunha comunidade de lingua. Como canguesa que son, non me deixa de fascinar a nosa variante do galego, tan rica e tan especial, que trascende a variante do galego occidental, das Rías Baixas e da ''área de Vigo''. A maneira que temos os do Morrazo de falar o galego é tan enxebre que ás veces ata resulta posible atopar no Disionario vocabulario e expresións diferentes segundo o concello e mesmo segundo a parroquia. Sen ir máis lonxe, os de Aldán empregamos expresións que unha persoa doutra parroquia de Cangas non entende. Un exemplo, ir ao chuculeiro de alguén (ir montado nas costas de alguén). Son moitas as palabras e expresión do Diario Morrasense que só emprego coa miña familia e cos amigos da vila, pero a miña preferida é e sempre será chintófano <3

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola, Andrea!

      Teño que decir que me encantou a túa resposta, con exemplos tan ben sinalados! Eu na vida escoitara "chuculeiro", de onde son eu decimos "a carrancholas" hahahahaha. Penso que é un recurso interesante, como lle dixen arriba a Ana, sobre todo para entender mellor o concepto de sociolingüística. Tamén está o tema das patatillas e as patacas de bolsa, pero iso xa da para unha tese aparte!

      Unha aperta ☺

      Eliminar
  5. Ola Katrin! Son Pablo Mouriño.

    Primeiro, teño que dicir que a túa entrada é moi completa e dinámica, encantoume ver coma en tan pouco espacio explicaches perfectamente moitos dos aspectos que tratamos nas sesións do tema 1.

    Tamén quero engadir que estou totalmente de acordo coa túa reflexión sobre a importancia de adecuar a nosa metodoloxía coma docentes dependendo do repertorio lingüístico do alumnado e coa reflexión sobre a importancia da relación d@ docente cos alumnos e alumnas. Moitas grazas polo link ó artigo sobre o rapport building, foi moi interesante botale una ollada.

    Un saúdo!

    ResponderEliminar